Tras uns días de reflexión logo da Xunta de Accionistas celebrada o 28 de maio, Jesús Martínez Loira vén de tomar a decisión de preservar as ideas coas que naceu A Branquiazul (UNION, FÚTBOL, RIGOR, ORGULLO e DEPORTIVISMO) e que defendeu na súa etapa como candidatura ao Consello de Administración do Real Club Deportivo, pechar dita etapa e impulsar desde este momento personalmente a transformación de A Branquiazul nunha fundación de interese galego, independente, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia.

Martínez Loira doará as súas accións do Real Club Deportivo a esta fundación e desde ela quere “promover a unión dos deportivistas e que unha maioría do Dépor pase a ser de todos para sempre”. O obxectivo inmediato é crear un espazo de reflexión e un punto de encontro desde o que impulsar e seguir insistindo na necesidade real de unión de todo o deportivismo e traballar por outros ideais compartidos por moitos deportivistas.

Na súa constitución, ademais da denominación exacta, natureza, domicilio, obxecto, finalidade e dotación inicial, definiranse as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionales, para a determinación dos seus beneficiarios e para a participación de todos os deportivistas que compartan a iniciativa, ademais da designación do padroado inicial.

Despois tramitarase o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, para someterse así a toda a normativa que resulte de aplicación, e especialmente ás súas obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro nas súas actividades e proxectos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado que se designe.

Dentro das actividades a desenvolver por A Branquiazul elaborarase un programa anual e plurianual de actuacións que buscará a participación de distintos axentes sociais. Dita fundación será posible grazas á colaboración desinteresada de moitos deportivistas, empresas, simpatizantes, voluntarios e outras institucións.

Tras agradecer a participación dos deportivistas que confiaron e colaboraron con A Branquiazul, e en especial a de todas e cada unha das persoas que integraron e apoiaron a candidatura facendo un traballo do que sempre estarán orgullosos e que foi posto públicamente a disposición do Club, ábrese agora un período de traballo independente para redactar os estatutos e definir con detalle o obxecto e as finalidades principais da nova fundación, que estará a disposición de todo o deportivismo e preservará a filosofía e esencia coas que naceu A Branquiazul.

Unidade, fútbol e rigor.

FORZA DÉPOR!