COMUNICADO DE JESÚS MARTÍNEZ LOIRA, ACCIONISTA DO REAL CLUB DEPORTIVO

Fago pública a miña reflexión e solicitude ante unha situación límite e de máxima gravidade para a normal continuidade do Deportivo:

Creo que non me equivoco se digo que ningún de nós imaxinabamos chegar ao próximo mes de decembro co equipo como colista de Segunda División e con enorme risco de descenso a Segunda B. Pero esta non é só unha situación límite a nivel deportivo. No plano técnico, de goberno e institucional levamos seis meses de decisións malas, decisións erradas, bandazos, sensación de inseguridade e de falta dun proxecto e sen un plan serio que nos permita ter esperanza para poder reverter a situación deportiva. A imaxe do clube deteriórase e non hai un líder nin unha figura de referencia capaz de xestionar esta enorme crise.

Actúo por preocupación e por responsabilidade. A sensación que vivimos a maioría de deportivistas é de total impotencia e a pregunta que moitos nos facemos é: pero de verdade ninguén vai facer nada para intentar evitalo? é que todo o mundo vai quedar de brazos cruzados? Pois ben, a resposta é que eu non vou facelo, e moita xente coa que neño falando nas últimas semanas tampouco se resigna. Porque o momento de facer algo é agora e é posible que non haxa outro. Se non o facemos pode que nos arrepintamos toda a vida de non falar e de non telo intentado.

Nas últimas semanas mantiven conversas con diferentes grupos de deportivistas e persoas destacadas a nivel deportivo e social, observando a situación na que está o Clube. Como sabedes, hai seis meses que me presentei á presidencia cunha idea central, que naquel momento cría que era a mellor e a única verdaderamente boa para poder reflotar o futuro deportivo e social do Deportivo. O relevante non era a miña persoa, senón un eixo fundamental: unir a etapa presidida por Augusto César Lendoiro co que entón representaba o final do proxecto liderado por Tino Fernández. Para iso necesitaba o apoio de ambos. Cría firmemente en que era posible, e equivoqueime. Pero intenteino. Augusto apoiou o proxecto e Tino preferiu apoiar outra das alternativas.

Hoxe sigo pensando basicamente o mesmo: ata que o clube consiga pechar a ruptura cun pasado que foi brillante e que representa a todo o deportivismo, máis aló dos acertos ou erros, non seremos capaces de avanzar con realismo, ambición e sen complexos.
O anterior presidente, e con el unha maioría de accionistas, decidiron apostar polo equipo que presentou Paco Zas e el optou por dar continuidade a todo o que había, tanto o bo, como aquilo outro que claramente habería que corrixir. Nestes meses a situación deportiva volveuse moito peor e no plano social a fractura segue crecendo.
Non debemos permitir que Riazor siga baleirándose semana a semana, partido a partido. Non podemos permitir unha desafección das novas xeracións respecto ao Deportivo. E non me conformo vendo a unha parte da nosa afección baixando os brazos por resignación.

Neste momento o problema fundamental non é o económico, como si o foi noutros momentos. Temos a nosa débeda reestruturada e ordenada e iso, xa o dixen tamén alto e claro no seu momento, é o principal éxito do anterior consello de administración. O noso problema actual é sobre todo deportivo e social. A débeda do Deportivo é actualmente como a hipoteca de moitas familias: unha débeda ordenada a medio e longo prazo, que non debería ter problema algún se cada ano temos os ingresos ordinarios do fútbol profesional, do mesmo xeito que a hipoteca familiar non representa un problema mentres entre en casa todos os meses a nómina froito do traballo.

Pero aquí non chega con criticar nin lamentarse. Para curar ou cambiar as cousas hai que diagnosticar ben, actuar con criterio e acertar coas medicinas. Dentro de tres semanas hai unha Xunta Xeral de Accionistas e ese é o escenario que permite aos accionistas tomar decisións dentro da legalidade e a normativa do clube.
O deportivismo necesita un revulsivo que lle devolva a ilusión e a esperanza. Tras darlle moitas voltas, creo que a única persoa capacitada a día de hoxe para facelo é Augusto César Lendoiro. Creo que non hai opción mellor, nin con credibilidade deportiva, nin con máis capacidade para mobilizar o deportivismo e xerar un sentimento renovado nun tempo récord. Por iso anuncio que delegarei as miñas accións nel para a Xunta de Accionistas. Pídolle a Augusto que actúe con xenerosidade e que lidere o deportivismo, dando un paso moi complicado para el pero que pode ser vital para o Deportivo.

Poida que esta sexa unha solución transitoria ou de urxencia, ou poida que o resultado non acabe en vitoria, pero como deportivistas o que non podemos permitirnos é non facer nada ou non telo intentado sabendo que si hai unha boa alternativa. E tamén estou convencido de que o propio Augusto dentro duns meses non se perdoaría ver o Dépor ao bordo da desaparición sen terse posto a disposición cando aínda existía algunha posibilidade de evitalo, pois coñezo ben o seu carácter e a súa non resignación.

Loxicamente a miña proposta non gustará a todo o mundo. Se alguén ten unha proposta mellor, que por favor a poña sobre a mesa e valorémola, sen persoalismos, sen complexos, buscando urxentemente única e exclusivamente o mellor para o Deportivo.
Pídolle tamén responsabilidade e valentía aos accionistas maioritarios, aos 40 máis significativos, pero en especial aos 10 primeiros. E o mesmo aos 2 principais sponsors. E obviamente ao principal acredor do Deportivo. Eles representan a esperanza de miles de deportivistas, moitos deles sen voto, e creo que deben estar á altura nun momento realmente vital para o clube.

Absterse ao bordo do precipicio non é xa unha opción, porque poida que non haxa máis oportunidades. É urxente situar á fronte do Deportivo unha persoa recoñecida, experimentada, con capacidade de xestión deportiva e un profundo coñecemento de fútbol e credibilidade deportiva, que nos devolva a ilusión e nos dea confianza nun momento crítico. E non vexo opción mellor que o citado expresidente. Por iso pido a todos os que compartan a miña opinión que deleguen as súas accións en Augusto César Lendoiro porque, como dicía o Santo naqueles anos gloriosos, aquí “os milagres hai que facelos entre todos” e neste momento necesitamos un milagre para salvarnos.

Sexamos todos realistas, actuemos antes de que sexa demasiado tarde, pola Institución, pola cidade, por miles de deportivistas de Galicia, de España e repartidos polo mundo.
Movámonos, tracemos xa unha folla de ruta para intentar non descender a Segunda División B e, desde agora e na seguinte tempada, poñamos os cimentos deportivos e sociais para intentar volver canto antes á 1ª categoría.

Hai que dicilo alto e claro, na Segunda División B o Deportivo actual non é viable.
Reflexionemos sobre esta alternativa. Que cada deportivista actúe como considere máis oportuno e os accionistas que compartan esta visión, delegando en Augusto César Lendoiro.

Jesús Martínez Loira
Accionista do Real Club Deportivo