Desde o equipo de A Branquiazul queremos trasladar o seguinte comunicado, pensado desde a responsabilidade e a profunda preocupación que sentimos polo futuro do Real Club Deportivo:

A presente campaña toca ao seu fin e chegados a este punto, a pouco máis dun día para que se celebre a votación na Xunta de Accionistas, e coa información que temos, cremos que tras este proceso o Deportivo pode saír máis débil e o Deportivismo máis dividido. O escenario que se abre é o dun Consello de Administración cunha porcentaxe de respaldo bastante menor que o actual e sen o reforzo suficiente para garantir a unidade, a estabilidade e sen o músculo que agora mesmo necesitan e merecen o noso centenario club e nosa gran afección.

Por agora ningunha das candidaturas, incluída a nosa, foi capaz de obter
á vez o respaldo maioritario da afección, da masa social e o aval que suporía o voto favorable dos principais accionistas e sponsor do clube. Ante esta realidade, desde A Branquiazul non queremos nin podemos quedar de brazos cruzados e traballaremos ata o último instante posible para atopar unha solución de unidade que, como sabedes, é o que nos moveu desde o minuto un.

Por iso, facemos un chamamento á responsabilidade de todos para que o Deportivo saia deste proceso cun respaldo incontestable; unido, reforzado e cunha mensaxe positiva de futuro e de ilusión. Estamos a tempo de acadalo, polo que invitamos ao resto de candidaturas a sentarnos e falar antes da Xunta para realizar un gran movemento en prol da unidade. Nós estamos dispostos a deixar a un lado calquera tipo de personalismo en favor de sacar adiante un proxecto de unidade
no que realmente cremos. Actuemos todos con xenerosidade e Deportivismo impulsando unha candidatura capaz de obter o respaldo da afección, da masa social do accionariado e dos principais accionistas e sponsor.

Durante todo este mes falamos cos actores principais deste complexo
proceso, con absolutamente todos, sen exclusión de ninguén, e eles sábeno. A nosa única ambición foi, é e será darlle ao Dépor o mellor proxecto e o mellor equipo de dirección posible, abrindo unha nova etapa de unidade, tranquilidade e estabilidade.
Fagámolo. Aínda queda tempo e o mércores pode ser tarde.

FORZA DÉPOR!